Descrición
O sistema XIMERE/FUXIMERE é unha ferramenta para o prognóstico e diagnóstico temperán da calidade do aire de Galicia, a través dun modelo exhaustivo (CHIMERE) acoplado ao modelo meteorolóxico WRF e alimentado polo modelo de emisións EMIGAL, sendo capaz de estimar as concentracións de contaminantes primarios e secundarios con efectos a escala rexional. Aínda que os seus resultados inicialmente son experimentais, tras os procesos de validación do modelo, que serán expostos nesta Web, o seu obxectivo final é o de proporcionar unha predición operativa da calidade do aire de Galicia.
O prognóstico da calidade do aire realízase a alta resolución (9 km2) para o dominio Galaico, cun horizonte temporal de 48/72 h. Como novidade, no sistema presentaranse os resultados das saídas en función do modelo que alimente o WRF, xa sexa GFS ou HIRLAM (cortesía de AEMET, Axencia Estatal de Meteoroloxía).
Os contaminantes preditos son o Dióxido de Xofre (SO2), Dióxido e Óxidos de Nitróxeno (NO2/ NOX), Monóxido de Carbono (CO), Partículas PM10, Partículas PM2,5 e Ozono (O3).
Os resultados das predicións proporciónanse en mapas de concentracións medias, máximas e superacións dos niveis de referencia descritos no Real Decreto 102/2011 para o dióxido de xofre, dióxido de nitróxeno, óxidos de nitróxeno, partículas, monóxido de carbono e ozono.
Tanto as simulacións meteorolóxicas e de calidade do aire, como o post-procesado das saídas do modelo execútanse en paralelo nos Cluster Presaxio da USC e Troposfera, ambos os cofinanciados polo Programa Sectorial de Investigación aplicada PEME I+D e I+D Suma 2010 PEME de MEDIO NATURAL E DESENVOLVEMENTO SOSTÍBEL (MDS) da Xunta de Galicia.
Para rematar, as simulacións están sendo sometidas a un proceso de validación co objecto de coñecer as desviacións cometidas polo modelo. Este proceso realízase coa ferramenta DELTA TOOL da Axencia Europea de Medio Ambiente (EEA).
Para levar a cabo este traballo, escolléronse dous dominios para as predicións seguindo os seguintes criterios:
- Que cada dominio estivese contido completamente na correspondente malla meteorolóxica.
- No caso da malla maior (D1), posuír unha extensión suficiente para representar transporte a longa distancia dos contaminantes.
- No caso da malla menor (D2), recoller en toda a súa extensión as áreas con fontes de emisións representativas.
As características principais dos dominios resúmense na seguinte figura: